Maratón das Letras

Baixo o lema de AFOUTEZA DO IDIOMA volvemos a correr este ano pola parroquia de Chapela en defensa da nosa lingua, e xa van vinte e unha edicións. Mozas e mozos, e non tan mozos, realizaron un percorrido pola barrio de Laredo conmemorando o Día das Letras Galegas. As gañadoras na categoría “pequenas”, foron: 1ª Bárbara Fernandez; 2ª Hannah Pazos; 3ª Carla Cabaleiro. Na categoría feminina “maiores”: 1ª Nerea López; 2ª Paula Álvarez; 3ª Sara Cabaleiro. Na categoría masculina “pequenos”: 1º Ismael Villar; 2º Marcos Serrano; 3º Mateo Vilas. Na categoría masculina “maiores”: 1º David González; 2º Raúl Cameselle; 3º Iván Gómez. A gañadora absoluta da proba foi Nerea López entre as mulleres e Ismael Villar entre os homes. Aínda que gañadores e gañadoras fomos toda a comunidade educativa da educación pública de Chapela e a súa parroquia, por seguir gozando un ano máis dunha carreira que berra alto e claro: AVANTE COA LINGUA GALEGA.

Carlos López Bernárdez fálanos sobre Carlos Casares

O venres 12 de maio o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato asistiu á conferencia do profesor Carlos López Bernárdez sobre a vida e obra de Carlos Casares. Esta conferencia, xunto coa exposición sobre o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, foi organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.

Ezetaerre: gañadores do Luns con Música

Durante os luns de febreiro e marzo, en quendas de mañá e tarde, a comunidade educativa do IES de Chapela participou nun concurso de videoclips de música galega.
Os vídeos encheron o vestíbulo do centro durante os recreos, e a través de votación en urna fóronse eliminando en sucesivas roldas ata resultar vencedor o grupo EZETAERRE co seu videoclip A HERDANZA DO VENTO. No taboleiro podes acceder aos resultado de cada votación.

Resultado do concurso Luns con Música


O galego non para

 

O día 18 de novembro de 2016, a comunidade educativa do IES Chapela (Redondela – GALIZA) gravou o seu particular “mannequin challenge” polo galego. En menos de 15 minutos 120 persoas puxémonos de acordo para berrar alto e claro a todo o país que O GALEGO NON PARA, e que non estamos dispostos e dispostas a que a nosa lingua se conxele como un obxecto de museo. A música, o baile, a literatura, a xeografía, o pensamento, a gastronomía, o deporte, a chuvia… no marco dos muros dun instituto cuberto de Rosalía, Castelao e Celso Emilio, para dicirvos a todas e a todos con humor, mais en serio, que SEMPRE EN CHAPELA, SEMPRE EN GALEGO.