BenDito MalDito

VIVAMOS COMO GALEGOS

http://www.youtube.com/watch?v=FtT8fam00wI

Os nosos parabéns ás empresas que teñen asumido que para vender aquí é preciso facer a  publicidade en galego . Son poucas, pero BENDITAS sexan. Vexamos un caso paradigmático.
Alá polo ano 2006, irrumpe na nosa televisión unha mensaxe publicitaria abraiante. Ten formato de película e cóntanos unha historia relacionada ca nosa contorna. O nome do patrocinador xuntamente co eslogan , como se dunha sesión de suspense se tratase, non aparece ata o final. A realización , perfecta. Un Oscar, polo menos, a “VIVAMOS COMO GALEGOS”.
Un síntese orgulloso ante este despliegue de medios no que parece non se ter escatimado en nada, nen sequera na longa metraxe.  Co decurso do tempo, foron aparecendo outros anuncios do mesmo patrocinador de características semellantes ata chegar ó que nos ocupa -o do quinto aniversario. Aí botaron a casa pola ventá: nada menos que tres minutos de duración!
Escollemos precisamente este último, do ano 2011, porque detectamos un erro de sintaxe  imperdoable tendo en conta o que presumiblemente custou. A pregunta cae de caixón: a empresa á que lle encargaron facer esta mensaxe publicitaria carece, por un casual, dun asesor lingüístico que vele pola calidade da lingua?  E, deseguido, amoréanse outras cuestións xeradas pola natural curiosidade :   onde fixeron estes anuncios? ; como se chama a empresa encargada de facelos?, etc.
Un sente ansiedade polas respostas a estas cuestións e axiña averigua que a empresa que fixo os últimos anuncios chámase Orange Market1 e decátase de que fora relacionada con certos asuntos xudiciais . Esta descuberta non nos gustou nada entre outras razóns porque pensabamos, cecais inxenuamente,  que nunha terra como a que reflicte o anuncio, tería que haber publicistas capacitados para estas tarefas. Ou sexa: non nos gusta que para facer cousas moi relacionadas ca nosa terra haxa que ir buscar xente fóra.
Despois destas pescudas un volve ver o anuncio e decátase de que hai outras moitas cousas que non nos gustan: a visión chea de tópicos que se dá do país, a imaxe ó máis típico estilo épico de Rob Roy a cabalo que non cadra con Galicia, os galegos do “exterior” falando de “patatas esmagadas” ou “no doy hecho”, etc. Un se decata, ó fin,  de que a visión que se da de Galicia podería ser a propia dunha persoa allea, que non é galega.
Chegados a este punto, estamos na dúbida de se cambiar ou non BENDITO por MALDITO.  E ti que cres?
Aproveitamos a ocasión para lanzar unha nova mensaxe publicitaria:

VIVAMOS COMO GALEGOS! ,
PENSEMOS COMO GALEGOS! ,
Pero, sobre todo, FALEMOS COMO GALEGOS!

1. Esta empresa tamén levou unha das últimas campañas publicitarias da operadora de telecomunicacións R, cuxo eslogan dicía “Esta Navidad  percebes para hartar”. Paréceme un cambio sustancial na marca galega, xa que  até o de agora se publicitaba en galego.

 

Caso da famosa concursante de Gran Hermano que renegaba do noivo pola súa lingua.
http://www.youtube.com/watch?v=O4iUzyVQTIM

 

BERETE YOUTUBE

 

PRESENTACIÓN DA SECCIÓN BENDITO-MALDITO

A nosa aventura comenza aquí. Xa non hai volta atrás. Partimos dunha reflexión moi sinxela: a lingua e o instrumento perfecto de comunicación que se nos dá desde o berce e non debemos renegar del, o mesmo que non renegamos ou nos avergoñamos dos nosos pais – ¡sempre que un sexa bo fillo!.

Somos lectores dos xornais,  oíntes da radio e, ao noso pesar, teleadictos. Hai cousas que non nos gustan nos medios. Por exemplo: que non haxa actualmente ningún xornal feito íntegra, ou polo menos parcialmente en galego , que , aínda por riba, se traduzan ao castelán declaracións feitas en galego, que se empregue sistemáticamente mal o galego e cáseque todo o mundo cale –supoño que por excesivamente evidente, e cando quen así o fai fachendea  de fomentar o uso doutras falas-, que algúns  cargos públicos  representativos da nosa comunidade empreguen o galego dependendo de por onde zoe o vento e, ademais,  como sen despeitearse  polo sinxelo que é. En fin, a lista de aldraxes sería interminable.

Penso que estamos entrando nun estado de carraxe nada conveniente. Tras breves e intensos movementos respiratorios somos quen de recoñecer que non hai nada novo baixo o sol ; ou sexa, imos confesar as fontes das que bebemos: programas coma Unidad de Vigilancia Lingüística –Cadena Ser-,  Saca la lengua – TVE, e tamén a súa variante galega, Saca a Lingua– , secciones dos xornais coma o famoso sube e baixa, etc.

Concretemos. Nesta sección imos xogar coas distintas posibilidades que ofrecen os antónimos MALDITO e BENDITO. Para iso,  podemos contar  coas seguintes variantes : MalDITO , BenDITO, MALdito, BENdito, MALDITO, BENDITO… Calquera destas formas distintas á vista – e ao sentido-  poderían ser válidas para expresar as   intencións que nos moven . Procuraremos, cecais por deformación profesional, dar fe dos usos incorrectos no emprego da nosa lingua por toda clase de xente nos medios de comunicación – ou noutros ámbitos-  e comentalos, convertíndonos, deste xeito, en axentes activos para garantir a corrección no emprego do galego- e non nos estamos a referir exclusivamente ao aspecto língüístico. Poderíamos, en fin, establecer un decálogo que nos guíe nos asuntos tratados e relacionados dalgún xeito coas variantes mentadas:

– MalDITO  sexa quen empregue mal a lingua e non amose propósito de enmenda.

– MALdito sexa aquel que debendo empregar a súa lingua, non o faga.

– MALDITO sexa quen promova accións manifestamente en contra da lingua.

– BENdito sexa ….

– BenDITO sexa …

– BENDITO sexa quen promova accións e medidas que contribúan ao fomento do             emprego do galego.

Por outra banda, desexaríamos que a sección fora interactiva e, neste senso e a modo de exemplo , como non se me ocurre nada para esas acepcións anteriores que quedan no medio do chamado decálogo, pediría a axuda – das formas informáticamente posibles- aos virtuais lectores. Ademais o material que incorporaríamos sería susceptible de ser valorado polo público por medio dunha votación. Ao fin, como non somos nada sen ti, pregaríamoche que nos aportaras material. ¡PRECISAMOS COLABORACIÓN!

obereteieschapela@hotmail.com

 

 

Unha reflexión sobre “BenDito MalDito

  1. Pingback: Vivamos como galegos | O Berete

Os comentarios están pechados.